En nombre de los alumnos universitario superior sénior habló la alumna graduada  en Estudos en Galego e Español por UVIGO: Nerea Martínez Pérez

…………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………….

Discurso en pdf:

Nerea Martínez Discurso graduación dos sénior superior.

……………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………………ACTO DE GRADUACIÓN DO PROGRAMA UNIVERSITARIOS DE MAIORES
XI Promoción de Graduados Universitario Superior Sénior
EUEE, 25 de outubro de 2017
Mozos e maiores na Universidade
Nerea Martínez Pérez – Graduada en Grao de Estudos de Galego e Español

 

 

 

Boa tarde.
Estou aquí en representación do alumnado que compartiu aulas con alumnado sénior na facultade de filoloxía e tradución. Durante a nosa formación pasaron varias persoas, estudantes sénior, que deixaron a súa pegada en nós. Algunhas persoas das que se gradúan hoxe pedíronme se podía dicir unhas palabras e expresar as sensacións compartidas con elas nas nosas clases.
Ben, durante o anos nos que realicei os meus estudos tiven a oportunidade de compartir varias materias con estudantes sénior, persoas algo máis maiores das que habitualmente participaran nas nosas clases. Penso que durante todos os anos de carreira tiven entre tres e catro materias nas que tiñamos alumnado sénior. O que aprendiamos nesas clases pasou dos puramente académico e transformouse nunha ensinanza continuada pero da vida.
Nun primeiro momento, nós que viñamos acostumados a compartir clases con persoas que repetiran algún ano pero que máis ou menos tiñamos idades parellas fíxosenos algo estraño ou para axustarme mellor, foi novidoso. Non nos molestaba nin moito menos que estivesen con nós pero non terminabamos de ver como podían estar con nós a esas idades. Quizais tampouco coñeciamos que lle podíamos aportar nós a eles.
Equivocámonos. Logo duns días instalados xa na dinámica das aulas con eles descubrimos que as súas intervencións eran oportunas e que con elas poderíamos aprender tanto como dos nosos docentes. Co paso dos meses pasaron a formar parte, en aulas e corredores do alumnado común, da nosa peculiar familia. En ocasións foron eles quen mellor nos podían explicar ou facernos comprender realidades que para nós eran inexplicables ou feitos que descoñecían ata os propios docentes.
Con eles como dicía, aprendemos dobremente. Poida que non nos ensinasen de materias como lingua, literatura ou mesmo literatura e cine como tiven a oportunidade de compartir con algún deles, mais si aprendemos a observar os textos ou mesmo a realidade dende novas perspectivas que doutro xeito non reparariamos. En ocasións as súas experiencias vitais fornecéronnos de argumentos ou serviron para que formularamos opinións contando con moita máis información da que nos podían fornecer os docentes ou vinte anos estudando.
Grazas ao programa PUM tiven, os meus compañeiros e eu, a oportunidade de aprender coñecementos con eles e grazas a eles, creo que tamén o alumnado sénior puido aprender de nós ou canda menos rememorar vellas anécdotas do seu período como estudantes, aínda que esta parte non me compete explicala a min. Para o alumnado común a experiencia é moi enriquecedora e as materias que se comparten con alumnos do programa sénior son as que máis nos gusta escoller. Este dato é tan certo que cando nos preguntamos entre nós que materia escoller, recomendámonos aquelas que teñen maior alumnado sénior. En contra do que se poida pensar non é porque pensemos que é máis doado senón que sentimos que nesas clases aprendemos moito máis que noutras nas que non temos a oportunidade de contar con eles.
Creo, de todo corazón, que non foron eles os que levaron a mellor parte, os que máis lle aportamos senón que foi ao contrario que fósedes vos quen nos ensinastes a coñecer de verdade o mundo, a ser críticos, a non quedar coa primeira información que acháramos e a seguir buscando, loitando ata caer rendidos. O que vos nos ensinastes non foron os coñecementos académicos, ensinástesnos a vivir ou canda menos como é a vida, que aínda que as cousas non saian ben, sempre podemos aprender dos erros e que unha derrota, Ás e que de ser así, so pode ser para seguir adiante con máis forzas. Que moitas veces nós non tiñamos forzas nin enerxía para afrontar os exames ou sucesos, pero vos, conseguistes que non nos rendéramos e que seguísemos adiante, tiñades e tedes moitísima enerxía.
A título persoal levo moi bo recordo de compañeiros sénior. Todos e cada un de vós ensinástesme e compartistes comigo momentos moi especiais. Claro que houbo momentos nos que tivemos que estudar mais creo que superan en forza aqueles momentos nos que compartimos charlas ou historias na cafetaría. Fixéstesnos sentir unha persoa máis aínda que foramos máis novos a vos.
Con todo o exposto, so pretendo expresar o meu agradecemento ás vosas contribucións, darvos as gracias por axudarnos en todo o que podiades e espero que vos levedes unha sensación parella, que, aínda que pouco, conseguiramos que vos sintades parte de nós, que somos parte dunha pequena etapa da vosa vida. É moito o que nos destes e espero que no futuro sigades tendo as mesmas forzas para conseguir os vosos obxectivos e que sigades tendo tanta enerxía como a que demostrastes nas nosas clases.
Por todo o dito e por moito máis que non son quen de poñer en palabras: Moitas gracias.

Vigo, 25 de outubro de 2017