————————————————————————————————————————————————-

CRÓNICA DO ACTO DE CELEBRACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024

—————————————————————————————————————————————————

Unha vez mais, a Asociación de alumnos e exalumnos do PUM do campus de Vigo, Aulas de Formación Aberta, ten organizado un acto, co gallo da celebración do Día das Letras Galegas; este ano dedicado a escritora coruñesa Luisa Villalta Gómez; que, por mor de diferentes incompatibilidades, foi adiantado o día 15 deste mes de Maio.

Presidida polo Reitor, a mesa presidencial completábase coa Vicedecana da Facultade de Comercio -que foi quen cedeu o uso do seu paraninfo- a Presidenta da Asociación e a conferenciante, a numeraria da RAG e unha das impulsoras da distinción, Margarita Ledo Andión.

Reitor da UVIGO, Pachi Reigosa

Con puntualidade galega, en verbas do Reitor, as 12 horas dábase comenzo o programa preestablecido, principiando por unha primeira actuación do quinteto de vento D`Ribeira, e a seguir, a lectura dun parágrafo da autoría da homenaxeada, a cargo do alumno Manuel Rodríguez Díaz, que resultou moi emotiva; hasta o punto que a conferenciante –que foi quen seleccionou o texto- adicoulle, na miña opinión, o maior eloxio posible: “recitou como lle tería gostado a Luisa que se fixera”.

Alumno e socio Manuel Rodríguez

Tras dunha nova actuación do grupo musical, coa previa presentación do mesmo polo que é o profesor dos seus compoñentes no Conservatorio de Vigo, comenzou a súa disertación Margarita Ledo, quen demostrou ter un profundo coñecemento da figura e da obra de Luisa Villalta; laiándose de que, obras de seu, sigan sen chegar as librerías ou, de que as xa publicadas aínda non teñen sido reeditadas. As causas poden ser moi variadas, pero tal vez non sexa menor o feito que escribía nun galego de mínimos (vía intermedia entre o normativo e o reintegracionista). Tal vez por iso que tamén teña un maior recoñecemento en Portugal.

Unha faceta que algúns descoñeciamos é a formación musical de Luisa, que chegou a acadar unha titulación superior en violín, e a formar parte, entre outras agrupacións, da Xoven Orquestra de Galicia (Este feito fiou moi ben coa elección do quinteto que amenizou o acto). Inda que lle chegaron a suxerir que se podía adicar profesionalmente a música, finalmente decantouse polo ensino.

Margarita Ledo

Centrándose na homenaxeada, dixo que era posuidora dun pensamento lúdico e comprometido, co que ten creado unha obra singular e sólida. Como exemplo, entre outros mais que non se comentan por non alargar esta reseña, citou Papagaio, unha das mais coñecidas, onde se pon na pel das prostitutas que habitaban o barrio coruñés homónimo, sen medo a visibilizarse nun lugar que a maioría tentaba evitar; dando constancia así do seu espírito rompedor e reivindicativo. Neste senso, sacou a colación tamén como ten sido pioneira en determinados posicionamentos de vangarda.

O remate, a presidenta da Asociación, fíxolle entrega duna escultura, do artista Acisclo Manzano, feita por encargo, que valorou sobre maneira, xa que coñece persoalmente o artista, do que di conservar dende fai xa anos, un chaveiro da súa autoría.

Despois dunhas verbas laudatorias do Reitor para a conferenciante e para o acto en sí, dou paso o grupo musical que, con todos de pé, interpretou o Himno Galego; que, na medida das posibilidades de cada quen, tratamos de acompasar cantando a letra do inesquecible Pondal.

Para rematar, serviuse un sixelo convite, a base de petiscos variados, no vestíbulo da Facultade, xa que logo, a choiva impediu que se fixera na terraza como estaba previsto.

Grupo de vento D´Ribeira

Finalmente dicir que todo o acto ten sido retransmitido por UvigoTV, canle 1, vía streaming, para todo o mundo, e que, unha vez editado o vídeo, será colgado na páxina web da Asociación.

 

Leonardo Pérez Ferreiro

Secretario de Aulas de Formación Aberta

 

Vigo, 16 de Maio de 2024

PDF:

CRÓNICA DO ACTO DAS LETRAS GALEGAS 2024