Homenaxe a dous pioneiros da Educación e a Economía galegas
Antía Cal e Paz Andrade voltan á aula
A Escola Universitaria de Estudos Empresariais de Vigo bautiza cos nomes da pedagoga e o empresario galego dúas salas -Valentín García destaca a mente «preclara» de ambos
elena ocampo vigo 23.05.2017 | 04:55
Dous nomes. Un, do xenitivo grego da raíz «anthos», que significa propio das flores: Antía.E outro nome, que escribiu un dos capítulos máis senlleiros e estratéxico do eido económico do século XX na obra «Galicia como tarea»: Valentín Paz Andrade. Ambos regresan ás aulas en Vigo da man da Escola Universitaria de Estudos Empresariais (EUEE) da Universidade de Vigo. Dúas salas do centro da Universidade de Vigo levan desde hoxe o nome destes pioneiros galegos que, precisamente, se fixeron un nome con maiúsculas na labor docente e como economista, escritor e político.
Palabras moi emotivas dos homenaxeados: Antía Cal, de 94 anos, e o fillo de Valentín, Alfonso Paz Andrade, precederon á descuberta das placas nos corredores desa escola viguesa que leva desde 1920 formando a miles de estudantes.
O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez salientou a «mente pre-clara» de valentín Paz Andrade «nunha sociedade máis difícil que a de hoxe, nos eidos económico e social». E ademais de outros méritos de Antía Cal, referiuse ao exemplo vital que supuxo o matrimonio formado con Antón Beiras: «Unha familia de Vigo que falaba aos seus fillos en galego pola rúa Príncipe» nos anos sesenta.
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, tivo palabras de respecto para a «mestra, profesora e muller revolucionaria» (Antía Cal) e para «o responsable do Foro Peinador» (Valentín Paz Andrade), que fixeron en Galicia e desde Vigo «unha revolución». «Foron pioneiros na forma de entender Galicia, as empresas e a Educación», louvou Caballero. Tampouco quixo pasar por alto a ubicación do evento: «Este era o salón de sesións da antiga ‘Escola de Peritos’, moi probablemente o salón máis importante de Galicia marcando a modernidade», destacou o rexedor.
A directora da EUEE, Consuelo Currás Valle, tamén enxalzou a figura da mestra, pedagoga, e muller comprometida con Galicia, Antía Cal, cuxo nome será a partir de hoxe un referente para os estudantes de empresariais e o de Valentín Paz Andrade, e agradeceu ao seu fillo Alfonso a presenza no acto.
Glosou as vidas de ambos homenaxeados o xornalista Eduardo Rolland, que se mostrou instruído e ata emocionado tras ler algún aspecto das biografías dos protagonistas. De Paz Andrade destacou ser un bo difusor de Castelao. «Castelao é máis coñecido grazas a Valentín Paz Andrade», asegurou o xornalista facendo un parangón «tamén Sócrates é mellor coñecido grazas a Platón». Destacou a Paz Andrade como empresario e impulsor de grandes proxectos, de Industrias Pesqueras, como delegado da FAO e negociador en Hispanoamérica, como ideólogo que quixo impulsar un banco empresarial galego ou unha refinería en Vigo nos anos 60, que non chegaría a cristalizar e «amosándonos como foi unha persoa que pensaba no país e tiña a Galicia na súa iniciativa. Rolland tamén enfatizou que Andrade » tivo o soño de que Galicia fose un país moderno «. Viviu ata atentados, sufriu moito pola defensa do país…»
De Antía Cal, destacou o vangardismo do colexio Rosalía de Castro: «Fixo unha escola do século XXI a mediados do século XX». Para falar en inglés acudiu aos nativos, empregados do Cable Inglés, e fundou en 1961 un centro, primeiro bilingüe e, logo, trilingüe. «O que hoxe imos facer aquí, que é bautizar unha clase con nomes senlleiros, xa se facía no colexio Rosalía de Castro: Alexandre Bóveda, Marie Curie, Bertrand Russell eran algúns dos nomes das aulas».
«Fundou un colexio mixto e licenciouse en 1945 en Xeografía e Historia, cando non debía haber moitas mulleres licenciadas»… proseguiu o xornalista, que rematou lendo un extracto da obra «Este camiño que fixemos xuntos», de Antía Cal.
A Escola Universitaria de Estudos Empresariais actualmente ofrece tres titulacións universitarias de notable proxección laboral: o Grado en Comercio, o Máster en Comercio Internacional e o Máster en Dirección de pymes e está situada no campus histórico, no centro da cidade de Vigo, na rúa Torrecedira e comparte algunha das súas instalacións coa Escola de Enxeñería.