Noticia del DUVI enlace:

https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/emotiva-graduacion-maiores-universidade

Recibiron os diplomas 20 estudantes universitarios sénior e 13 superiores sénior
Emotiva graduación ‘dos maiores’ da Universidade
Actuou como padriño o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución José Montero

Tras anos de duro traballo, de algún que outro atranco e de moitísimas satisfaccións derivadas da volta ás aulas, este venres celebrouse na EU de Estudos Empresariais o acto de graduación do alumnado do Programa Universitario de Maiores: 20 alumnas e alumnos da XIV promoción de titulados/as universitarios sénior, estudantes que acaban de rematar o ciclo intensivo do programa, e 13 da XII promoción de titulados/as superiores sénior, que completaron xa o ciclo integrado, no que tiveron a oportunidade de compartir clases e experiencias co resto do alumnado universitario.

Foi un acto tremendamente emotivo no que estiveron arroupados, ademais de por familiares e amigos que non quixeron perderse esta cita, polo reitor da Universidade de Vigo, Manuel Reigosa; polo alcalde, Abel Caballero; pola vicerreitora de Captación de Alumnado, Estudantes e Extensión Universitaria, Natalia Caparrini, e o exdirector da EUE de Empresariais, Patricio Sánchez. Ademais, acompañounos tamén un dos seus docentes máis queridos, o profesor da Facultade de Filoloxía e Tradución José Montero Reguera, que actuou como padriño, e do que recibiron numerosas palabras de agarimo.

Ilusións que se cumpren «rompendo moldes e estereotipos»
«Achegades a vosa experiencia persoal e profesional, dades exemplo amosando o camiño para as futuras xeracións e reafirmades o dereito, a calquera idade, á educación, á cultura e ao ocio», recalcoulles Natalia Caparrini, vicerreitora da que depende o PUM da Universidade de Vigo, que convidou a todos os graduados e graduadas a que «de unha ou outra maneira», sigan en contacto coa universidade, ben sexa, incorporándose ao ciclo integrado, facendo outra especialidade ou «simplemente» achegando ideas, colaboracións ou iniciativas. «Hoxe é o colofón duns anos nos que rompendo moldes e estereotipos fixestes realidade a vosa ilusión. Noraboa por ter chegado a este día», recalcoulles a vicerreitora.

En nome dos alumnos e alumnas interviron Carlos Mínguez e Milagres Chapela, que tiveron tamén numerosas verbas de agradecemento e de lembranza dos momentos e experiencias vividas ao longo destes últimos anos e o acto pechouse coas palabras do reitor Manuel Reigosa e a actuación do coro Aula Aberta do Programa Universitario de Maiores.

 

539 alumnas e alumnos matriculados no PUM
O Programa Universitario de Maiores da Universidade de Vigo púxose en marcha en 2002 e, dende entón, xa pasaron polas súas aulas preto de 6000 alumnos e alumnas. Este ano o curso arranca con 539 alumnos matriculados (324 no campus de Vigo, 133 no de Ourense e 82 en Pontevedra), moitos veteranos e veteranas do programa e, outros, que inician agora a súa nova vida universitaria. Entre elas e eles hai persoas licenciadas que, unha vez finalizada a súa vida laboral, volven á universidade para manterse activas intelectualmente, estar informadas e adquirir novos coñecementos; pero tamén moitas persoas que por distintos motivos nunca tiveran a oportunidade de asistir á universidade e que agora poden ver cumprido o seu desexo.