Antía Cal e Paz Andrade, de volta na aula.
A Escola de Empresariais da Universidade de Vigo rendeu homenaxe a estos dous persoeiros pola aportación á modernización do país no ámbito do ensino e das industriais pesqueiras respectivamente dende o galeguismo.
De esquerda a dereita, Valentín García, Alfonso Paz Andrade, Abel Caballero, Consuelo Currás, Antía Cal, xunto a Eduardo Rolland,
onte na Escola de Espresariais.
- BAENA. VIGO ABAENA@ATLANTICO.NET23/05/2017 09:38 H.
Antía Cal e Valentín Paz Andrade quedaron dende onte vencellados á Universidade de Vigo. Así, a Escola de Empresariais, sita en Torrecedeira, bautizou cos seus nomes dúas das súas aulas nunha homenaxe a estes dous persoeiros pola súa contribución á modernización do país. “Foron dúas persoas moi valentes no seu tempo”, indicou o xornalista Eduardo Rolland, quen exerceu de mestre de cerimonias no acto que tivo lugar do salón da Escola e que contou coa presenza de Antía Cal e coa do fillo de Valentín Paz Andrade, Alfonso Paz Andrade. Con Consuelo Currás, directora da Escola, como anfitriona, acudiron como testemuñas o alcalde Abel Caballero e o director xeral de Política Lingüística, Valentín García Gómez.
“Valentín Paz Andrade pensou no país e traballou por unha Galicia moderna; sufríu atentados e tivo que exiliarse ao interior por defender o que cría”, reseñou na súa loa, Rolland quen deixou para outro día a súa faciana como poeta e artista, “hoxe non corresponde”, asegurou.
No caso de Antía inspirouse a autobiografía da pedagoga, “Este camiño que fixemos xuntos” (2006), que xa vai pola cuarta edición: “Loitou por incorporar unhas ideas modernas no ámbito da docencia, impulsou o inglés nas aulas cando todos aínda apostaban polo francés e avogou por un ensino en igualdade de xénero”, indicou. E con esta presentación, os protagonistas tomaron á palabra. Unha enérxica Antía, que en abril cumpríu 94 anos, declarou “agora quero falarvos de Antón (Beiras) porque se non queda no esquecemento”. Para o seu home, oftalmólogo, humanista, poeta galeguista e inventor do vigoscopio pedíu un recoñecemento co gallo do centenario da súa morte. “Na Universidade tiveron o descaro de dicirnos que non hai cartos e mentres o vigoscopio (aparello que examina o fondo do ollo) está parado”, criticou Antía Cal, quen admitíu que fóra unha frescura contalo aquí, “pero como vos vexo tan perceptivos e cariñosos, pois abuso”. Precisamente, na figura no seu home, Antón Beiras, tivo Antía Cal o apoio preciso para levar a termo a súa revolución no ensino.
En nome de toda a súa familia, Alfonso Paz Andrade agradeceu a distinción ao seu pai, de quen lembrou, “era íntimo de Tita Cal”. Calificouno coma un home “poliédrico, pero centrado sobre todo na economía e no mundo da pesca”.
A intervención das autoridades comezou co secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García quen destacou “a promoción da lingua galega no ámbito da empresa”. Da familia de Antía Cal lembrou que eran dos “poucos que falan ao seu fillo en galego pola rúa do Príncipe, cando esto estaba mal visto”. De Paz Andrade puxo en valor as indicacións que deu para aproveitar económicamente o acervo cultural do país. Finalmente Abel Caballero pechou o acto, quen calificou de excepcionais a ambos homenaxeados, asegurando que foron “pioneiros en entender o galeguismo”.