En el Diario de la Universidad de Vigo (DUVI), noticia sobre el acto de apertura de curso 2017/2018…………………………………………………………………………………………………………..
Organiza : Asociación de alumnos universitarios maiores, campus de Vigo, Aulas de Formación Aberta…………………………………
Bota a andar un novo curso para as 327 alumnas e alumnos do Programa Universitario de Maiores en Vigo, e o 19 de outubro as 20:00 h. no salón de actos da EUEE, acto de apertura.
Asistirá como convidado especial o presidente da RAG, Víctor Freixanes, e haberá unha lembranza a Carlos Casares
O Programa Universitario de Maiores, PUM, arranca este curso 2017/2018, con preto de 567 alumnas e alumnos e, deles, 327 fano no campus de Vigo. Celebran o seu acto de apertura de curso, un dos intres máis emotivos do ano, xa que como sinala Marina Troncoso, presidenta das Aulas de Formación Aberta, “é o momento para entrar en contacto coas persoas que comezan no programa e de reencontro entre os que xa levamos moitos anos”.
Levan semanas preparando este acto con esmero e nesta particular posta de longo o alumnado máis veterano do campus estará arroupado por numerosos membros da comunidade universitaria, entre eles, o presidente do Consello Social, Ernesto Pedrosa; a directora da EU de Estudos Empresariais, Consuelo Currás; o profesor Miguel Ángel Nombela, director do PUM da Universidade de Vigo, e as profesoras Marisa Castro, coordinadora do programa en Vigo e Helena Cortés, unha das súas docentes, “a quen tanto temos que agradecer”, recalcou Troncoso, que quixo tamén destacar toda a colaboración “recibida sempre desde a EUE de Empresariais”.
A maiores, cada ano traen a unha persoa convidada para que imparta a charla inaugural e, nesta ocasión, elixiron ao novo presidente da Real Academia Galega, Víctor Freixanes, que segue así a estela dos seus predecesores no cargo, Xesús Alonso Montero e José Luis Méndez Ferrín. “Sempre os convidamos porque pensamos que a cultura galega debe ser unha parte central do Programa de Maiores da Universidade de Vigo. É o noso particular xeito de axudar a difundir a nosa cultura e a darlle visibilidade á RAG”, recalca a directora das Aulas de Formación Aberta. Nesta liña, como cada ano, o acto incluirá unha pequena homenaxe ao persoeiro ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas, neste caso Carlos Casares. “Vai ser un alumno de primeiro, que chega con moitísimas ganas, o que se vai encargar de facer unha pequena glosa da súa vida e ler algunha pasaxe das súas obras”, explicou Troncoso.
Nombela: “A valoración que facemos da matrícula do programa é moi positiva”
Dos 327 alumnas e alumnos que inician o novo curso, 270 fano no Ciclo Intensivo, de tres cursos, e 57 no Integrado, de dous cursos de duración e que permite cursar materias de titulacións oficiais da Universidade de Vigo co resto do alumnado matriculado, o que beneficia a xeración de relacións interxeneracionais. “A valoración que facemos da matrícula do programa é moi positiva xa que cada ano vai aumentando progresivamente”, explica Miguel Ángel Nombela, que fai fincapé en que no caso do campus de Vigo son moitas as materias que están cubertas e mesmo chegou a quedar algunha xente sen poder matricularse e, “neste sentido, estamos xa traballando para ampliar a oferta, tanto de prazas como de materias”, ao que engadiu que, “está xa contemplado que na sede da Universidade no Berbés existan espazos para impartir a docencia do Ciclo Intensivo do programa”.
Troncoso: “O gran reto é que os PUM logren entidade propia”
Para a responsable das Aulas de Formación Aberta o gran reto é que os PUM logren entidade propia, o que suporía, espazos propios; así como aumentar a oferta académica e o número de prazas, xa que, tal e como indicaba Nombela a demanda do programa cada ano vai a máis. “Os maiores chegamos á universidade para quedarnos e as xeracións vindeiras cada vez van ser máis numerosas”, apunta Troncoso, ao tempo que recalca que “nós tamén somos universitarios e queremos que se nos recoñeza como tales para poder participar nos diferentes órganos de decisión e lograr así unha universidade cada vez máis universal”.
Vigo, 19 de outubro de 2017