As aulas interxeracionais son xa unha realidade nos campus
Participan no PUM máis de medio millar de estudantes, 411 no ciclo intensivo e 128 no integrado
Enlace :
https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/aulas-interxeracionais-son-xa-realidade-campus
D. Besadío DUVI 10/10/2018
As aulas interxeracionais son xa unha realidade nos campus
Participan no PUM máis de medio millar de estudantes, 411 no ciclo intensivo e 128 no integrado
Ángela Álvarez é unhas das alumnas de maior idade do Programa Universitario de Maiores, experiencia na que que leva participando máis de 14 anos. Aos seus 86 anos, cada luns e mércores érguese ás sete da maña, colle o autobús ao campus e ás nove está lista para comezar as súas clases na Facultade de Filoloxía e Tradución co resto das súas compañeiras e compañeiros, mozas e mozos da idade da súa neta cos que “conecto fantasticamente”, explica orgullosa. O seu caso é só un exemplo dos múltiples que poderían pórse. Este mércores celébrase na EU de Estudos Empresariais o acto de apertura de curso 2018-2019 do Programa Universitario de Maiores (PUM), un proxecto educativo xa consolidado co que a Universidade de Vigo abre as súas portas á poboación adulta para favorecer a súa incorporación á vida universitaria e co que axudar tamén a mellorar as relacións interxeracionais.
O programa púxose en marcha en 2002 e, dende entón, xa pasaron polas súas aulas preto de 6000 alumnos e alumnas. Este ano o curso arranca con 539 alumnos xa matriculados (324 no campus de Vigo, 133 no de Ourense e 82 en Pontevedra), moitos veteranos e veteranas do programa e, outros, que inician agora a súa nova vida universitaria. Entre elas e eles hai persoas licenciadas que, unha vez finalizada a súa vida laboral, volven á universidade para manterse activas intelectualmente, estar informadas e adquirir novos coñecementos; pero tamén moitas persoas que por distintos motivos nunca tiveran a oportunidade de asistir á universidade e que agora poden ver cumprido o seu desexo.
No caso de Ángela Álvarez recoñece que a universidade era a súa “materia pendente”. Teríalle gustado estudar Medicina, “algo practicamente impensable para unha mellor naqueles anos”, pero non foi posible, pese a rematar o bacharelato con excelentes cualificacións. “A vida lévate por diferentes camiños e a min a universidade non me chegou ata a viuvez, pasados os 70”, recalca, ao que engade que “descubrir o programa foi algo marabilloso, encantoume desde o primeiro día”. Apaixonada da lectura desde que era unha cativa, encántanlle as materias relacionadas coa literatura medieval e da Idade de Ouro e, de se algo se sinte especialmente orgullosa, é “dos profesores que temos, que son unha auténtica marabilla, da relación que estableces coa xuventude e de todos os amigos que atopei neste camiño e que son unha parte fundamental da miña vida”.
Ángela Ávarez
Marina Troncoso: “É a mellor maneira de afrontar a xubilación”
“Ao xubilarse e perder as relacións persoais laborais hai unha parte de sociabilidade moi importante que achega o feito de participar como alumno no programa”, explica Marina Troncoso, alumna do PUM desde 2012 e que na actualidade exerce como presidenta da asociación de alumnos Aulas de Formación Aberta e da Confederación Estatal de Asociaciones Universitarias de Alumnos del PUM, Caumas. “Para min estar matriculada neste programa é a mellor maneira de afrontar a xubilación, mantenme activa, con obxectivos concretos que cumprir, con ilusión de futuro, adquirindo novos coñecementos, participando activamente na sociedade. En definitiva, faime sentir útil, algo moi importante para as persoas maiores”, recalca.
O Programa Universitario de Maiores divídese en dous ciclos: o Intensivo (con 411 matriculados/as este curso), no que o estudantado se pode matricular dun mínimo de 9 créditos ECTS por curso académico e dun máximo de 18 e no que, unha vez superados os 54 créditos ECTS dos que se compón, se recibe o título propio de ‘universitario ou universitaria sénior’; e o Integrado (con 128 persoas matriculadas nos tres campus), dirixido a fortalecer as relacións interxeracionais e que lle permite ao alumnado cursar materias pertencentes a diferentes titulacións oficiais da Universidade de Vigo. O vindeiro venres 19 de outubro celebrarán a súa graduación a XIX promoción de titulados/as universitarios senior e a XII promoción de titulados/as superiores sénior, un acto especialmente emotivo por todo o que supón. “O importante deste tipo de actos é a satisfacción para os graduados e graduadas de recibir o recoñecemento ao seu esforzo e sentirse plenamente universitarios. Recibir o título, a imposición da beca, estar nunha orla, etc. é moi satisfactorio”, explica Troncoso.
Experiencias múltiples e enriquecedoras
Mª del Carmen Fernández, de 76 anos, empezou no programa de maiores hai xa 8 anos. Para ela matricularse no programa permitiulle volver á EU de Estudos Empresariais na que un día realizara os seus estudos de Peritaxe Mercantil . “O programa deume a posibilidade de coñecer xente, de aumentar os meus coñecementos e de meterme de cheo no ambiente universitario. E a todo iso hai que sumar o feito de poder relacionarme cos mozos e mozas de hoxe en día”, recalca Fernández, quen ao longo da súa vida profesional exercera como contable.
María, Rosa y Paz
No caso de Rosa Lobato, de 72, e Paz Canda, de 73, non dubidaron á hora de dar o salto ao ciclo superior. “A experiencia de participar no Programa de Maiores foi desde o principio marabillosa”, explica Lobato, ao que Canda engade que “a esta idade xa non buscamos ningún título, senón simplemente, satisfacer a nosa curiosidade e adquirir coñecementos”. “No meu caso eu exercín sempre como enfermeira e, xa nos últimos anos, tiven a posibilidade de exercer tamén como docente na EU de Enfemaría”, explica Rosa Alonso, quen recalca que o PUM lle deu a posibilidade de achegarse ao mundo das humanidades, “unha materia que me encanta e que sempre tivera pendente”.
Clases interxeracionais e interculturais
O outro lado do pupitre os docentes involucrados no PUM destacan a enorme valía deste tipo de alumnas e alumnos. “O que achega o alumnado sénior é unha gran implicación coa materia, tanto na súa participación en clase intervindo e ofrecendo o seu punto de vista, como na súa responsabilidade de levar ao día as lecturas e exercicios propostos”, explica a profesora da Facultade de Filoloxía e Tradución Carmen Luna, docente da materia Literatura Hispanoamericana I, na que conviven alumnas e alumnos con matrícula ordinaria con estudantes sénior e tamén alumnado de intercambio internacional.
Para as estudantes francesas Camille Le Delliou e Clémence Le Marre compartir clase con compañeiras da idade dos seus avós e avoas era algo co que nin moitísimo menos contaban. “Para nós esta é tamén unha experiencia nova, nunca tiveramos ocasión de vivir algo así e o certo é que é moi enriquecedor, elas teñen infinidade de vivencias e coñecementos que nós, pola nosa xuventude, aínda non temos ”, recalcan.