https://www.uvigo.gal/universidade/comunicacion/duvi/alumnado-programa-maiores-rende-homenaxe-luisa-villalta

 

…………………………………………………………………………………………………………………………………………………

O alumnado do Programa para Maiores rende homenaxe a Luisa Villalta

A académica Margarita Ledo foi e encargada de percorrer vida e obra da escritora

DUVI  15/05/2024

En plena Semana das Letras, este mércores a Facultade de Comercio acolleu un dos actos cos que, nos diferentes campus da Universidade de Vigo, se renderá homenaxe a Luisa Villalta, escritora homenaxeada neste 2024.

O evento, impulsado polas Aulas de Formación Aberta, asociación que agrupa o alumnado do Programa para Maiores da UVigo, contou coa presenza do reitor, Manuel Reigosa, e de Margarita Ledo, membro da Real Academia Galega e impulsora da distinción de Luisa Villalta nesta edición das Letras Galegas. Tamén asistiron Mª del Carmen Padín, vicedecana da Facultade de Comercio e Marina Troncoso, presidenta da Asociación Aulas de Formación Aberta.

O reitor foi o encargado de dar a benvida ás e aos asistentes ao acto de celebración das Letras Galegas, “un día moi importante para a nosa institución, porque sendo unha universidade galega, temos que facer todo o posible para celebrar a nosa galeguidade e a primeira das tarefas que temos que cumprir ten que ver coa lingua e coa cultura galega”. Reigosa recalcou que “queremos ser unha universidade máis galega, inserida no noso territorio e que faga todo o posible para que a nosa cultura agrome e sexa unha referencia mundial, queremos ser unha universidade igualitaria e, polo tanto, feminista, e queremos ser unha universidade internacional”.

Pola súa banda, Marina Troncoso agradeceu a Margarita Ledo o ter aceptado o convite a este acto co obxectivo de dar a coñecer “unha poeta do noso tempo á que debemos upar e poñela no sitio que lle corresponde dentro na nosa cultura”. Na súa intervención tamén deu a benvida ao novo director do Centro de Posgrao e Formación Permanente, Fernando Cerdeira, nomeado recentemente en substitución de Mª José Moure, que agora pasa a ocupar o cargo de directora da Área de Titulacións.

A complexidade e a singularidade de Luisa Villalta

Durante o acto, o alumno do Programa de Maiores Manuel Rodríguez deu lectura ao poema de Luisa Villalta As mans de Xohana Torres escollido por Margarito Ledo. A parte musical correu a cargo do quinteto de vento D`Ribeira, formado por alumnado do Conservatorio de Vigo.

Tras a lectura do poema, Ledo fixo un percorrido pola vida e a traxectoria literaria e ideolóxica de Villalta, recoñecendo que a súa obra “esixe esforzo como lectores e lectoras, porque é complexa, reflicte a complexidade do mundo”. Con todo, e a pesar de que segundo Margarita Ledo Luisa Villata é unha figura aínda moi “descoñecida”, coa súa complexidade e singularidade “engrandece a calquera lingua e calquera cultura”.

A académica tamén se referiu a puntos comúns presentes en boa parte da obra de Villalta, na poesía, na prosa, no ensaio… aspectos como “un pasado magoado, que é unha constante nas súas obras, ou como a responsabilidade na construción do futuro e como o dereito a desfrutar do presente”. Tamén se referiu ao seu pensamento feminista e ao seu compromiso como activista da esquerda nacionalista e doutras moitas causas, entre elas a loita do pobo Palestino e lembrou que a escritora deixou 42 cadernos (“era meticulosa e organizada”) e este material “aínda sen estudar a fondo, vai axudarnos no futuro a comprender canto lle debemos a Luisa Villalta”.